23 may. 2016

No acto de entrega, que se realizará ás 16.30 h no Auditorio de Caldas, o historiador Miguel García Fernández pronunciará unha conferencia sobre os tempos deste rei caldense

O CPI Alfonso VII de Caldas de Reis convocou este ano por vez primeira o premio literario escolar "Afonso VII – Rei de Galiza", cuxos gañadores e gañadoras se darán a coñecer a próxima segunda feira (luns) 23 de maio ás 16.30 h no Auditorio da localidade. No acto, o medievalista Miguel García Fernández tamén pronunciará unha conferencia sobre a época deste monarca. Colaboran co centro escolar nesta súa iniciativa o Concello de Caldas de Reis, a asociación cultural Zona Afectada e as editoras Xerais e Obradoiro Santillana.

Con actos coma este, a comunidade educativa do CPI Alfonso VII quere axudar a divulgar e a valorar máis unha parte importante da nosa historia e dos seus protagonistas, como é o caso do rei caldense que lle dá nome ao centro escolar.

O tema do premio, tal e como se indicaba nas bases, é a recreación literaria (con calquera xénero: narrativa, poesía ou teatro) do momento da coroación do meniño rei Afonso VII:

"O 17 de setembro de 1111 era domingo. A catedral de Santiago de Compostela, que neses momentos seguramente era o templo máis grande de toda Europa, estaba engalanada e preparada para unha festa moi especial. Nesa xornada, nobres galegos chegados de todos os puntos do reino xuntáronse alí para presenciaren a coroación do novo soberano de Galiza: Afonso VII.

Que pensaría ese pícaro ao ver que os nobres máis poderosos e mesmo o seu tío, o futuro e poderosísimo papa Calisto II, se axeonllaban ante el? Como imaxinas ti que foi ese día? Que decoración habería na catedral? Como se sentiría o novo rei?"

Entregaranse catro galardóns ás mellores creacións participantes, en dúas categorías: un primeiro e un segundo premio para Primaria e un primeiro e segundo premio para a ESO.

O conferencista que participará no acto, Miguel García Fernández, é licenciado en Historia na USC e  especialista na Idade Media. Obtivo o premio Fin de Carreira do Goberno galego, os premios extraordinarios de licenciatura e mestrado da USC e o premio Fin de Carreira do Goberno español. A principal liña das súas publicacións é o papel das mulleres galegas na época medieval, por exemplo a raíña Urraca I, nai de Afonso VII.

6 may. 2016


Os Departamentos de Galego e Portugués, Xeografía e Historia e o Equipo de Normalización Lingüística do CPI Afonso VII de Caldas de Reis están a desenvolver durante este curso escolar, dentro do Proxecto Terra, un traballo sobre os alcumes, os nomes que se lle dan coloquialmente a unha persoa ou a unha familia. Trátase de recoller e catalogar todos os que se dan en Caldas de Reis e as súas parroquias, para así comprendermos mellor a nosa identidade territorial.
En Caldas de Reis, como na maioría dos lugares de Galiza, hai unha longa tradición de alcumes. Rara é a familia que non ten, polo menos, un sobrenome que a distingue, con mellor ou peor fortuna, das demais. Mesmo hai quen ten o privilexio de posuír un sobrenome en exclusividade...
Sexa como for, e aínda que ás veces non gustemos moito do que nos tocou, os alcumes son parte do noso patrimonio, un ben inmaterial case sempre herdado desde moi atrás que temos o deber de conservar e transmitir con orgullo.
Como conseguimos toda esta información? Pois, ficha en man, os nosos estudantes de 3º e 4º da ESO entoan unha coñecida pregunta: "E ti, de quen vés sendo?"

 

Advertencias legais



Este blog ten caracter únicamente educativo. Se algún dos contidos que hai nel ten dereitos de autor, rogamos que nos informen e será retirado de inmediato. Este blog non se responsabiliza dos contidos de calquera tipo servidos por terceiros, nin das opinións vertidas nesta páxina por terceiros.
Os datos e fotos que se publican ou enlazan teñen como única finalidade a de axudar, informar e educar aos alumnos e familias. Non constitúen fonte de acceso público e non poderán ser reproducidos nin en todo nin en parte, nin transmitidos nin rexistrados por ningún sistema de recuperación de información sen o consentimento expreso dos propios afectados.