O Centro Público Integrado (CPI) Alfonso VII, é un Centro Educativo pertencente á rede pública da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. O nome do Centro foi posto en honor ó Rei Alfonso VII, nado en Caldas, fillo de dona Urraca. Atópase situado na rúa José Salgado de Caldas de Reis (Pontevedra-ESPAÑA). 
Actualmente cursan estudos 496 alumn@s, comprendidos entre os 3 e os 16 años. 
Os niveis educativos que se imparten son: 
  • Educación Infantil (3, 4, 5 anos). 
  • Educación Primaria.
  • Educación Secundaria Obrigatoria.
  • 3º PMAR.
O horario lectivo é:
  • Infantil e Primaria: De Luns a Venres de 09:15 a 14:15
  • ESO: De luns a venres de 09:10 a 14:25 e luns de 16:30 a 18:10.

O equipo directivo está formado por:

Directora: Pilar Señoráns Buceta.
Xefe de Estudos de Primaria: Pablo García Freire.
Xefa de Estudos de Secundaria: Paula Botas Ramos. 
Secretaria: Fátima Piñeiro Mejuto.


Xeografía da zona


O concello de Caldas de Reis,encóntrase na provincia de Pontevedra da Comunidade Autónoma de Galicia (España).

O seu nome ven da existencia de auga termal e do nacemento do que fora rei de Galicia e logo de Castela-León, Alfonso VII, fillo do conde Don Ramón e Dona Urraca.

Limita polo norte co concello de Valga, polo leste cos de Cuntis e Moraña, polo sur cos concellos de Portas e Vilanova e polo oeste con Vilagarcía de Arousa e Catoira.

Está formado polas parroquias de: Godos, Saiar, Bemil, Carracedo, San Clemente, Santo André, Arcos da Condesa, Santo Tomé e Santa María.

Cruzana dous ríos: O Umia que nace no concello de Forcarei da mesma provincia e desemboca por Cambados na Ría de Arousa. Ten un encoro no lugar da Baxe (Santo André de César) . E o Bermaña que se une co Umia neste concello.

O monte máis importante é o Xiabre. Caldas ten unha poboación de 9.500 habitantes nunha extensión de 68,5 km cadrados.

Caldas está comunicada con Pontevedra e Santiago pola estrada N-550 e pola autoestrada A-9. Comunicase tamén con Vilagarcía e A Estrada pola N-640.

A economía basase na agricultura e na industria. Celebranse mercados tódolos luns. O uso da terra está repartido da seguinte forma: Cultivo 22,1%; Pastos 1,9%; Forestal 54%; Outros 22%.


É de destacar, na vila, a carballeira e o parque-xardín onde hai unha gran variedade de especies: Cunningamias, criptomerias, casuarinas, plátanos de sombra, cedros, magnolias grandifloras, tulipeiros virxinianos, tuias xigantes, tileiros, araucarias do Brasil, camelias, carballos, etc.


Historia

ÉPOCA PRERROMANA


Cando os romanos chegaron a Galicia para sometela, atoparon asentado nas terras que hoxe coñecemos como Caldas de Reis un grupo indíxena, a nación cilena. A razón hai que buscala na existencia das augas termais, xa que estas supoñian unha chea de servicios e comodidades. Á beira dos manantiais estaba instalado o asentamento central e o resto da poboación repartíase polos distintos castros que o arrodeaban. Podedes aínda hoxe observar restos destes castros en Follente, Outeiro, Castelo, Porreiro, Eirín e Portas.

Todos teredes oido falar do célebre tesouro de Caldas; cos datos de que dispoñemos hoxe non podemos esclarecer a relación que poida ter cos cilenos, sobre todo se temos en conta que foi atopado casualmente por uns xornaleiros nun sitio que non ten características de estación arquelóxica. Sexa ou non cileno, todos deberiades pasar a comtemplalo polo Museo de Pontevedra. Está formado por un conxunto de pezas de ouro macizas de formas diversas: vasillas, torques, brazaletes e un peite.



ÉPOCA ROMANA

Os romanos chamarán a esta poboación "Aquis Celenis" e van concederlle a categoría de "Municipium", o que lles supoñía ós cilenos varias avantaxes con respecto ós outros habitantes da provincia de "Gallaecia" xa que gozaban dos dereitos da cidadanía romana. Esta consideración debeuse principalmente ó influxo que exerceu a afición que tiñan os romanos polas termas e todas as actividades de lecer que xiraban arredor delas. Pero tamén cómpre ter en conta a situación estratéxica privilexiada de "Aquis Celenis", punto de converxencia de varias "vias", a proximidade do mar e a riqueza do solo.
Os restos arqueolóxicos romanos son moi abundantes, pero son as tres pontes as mostras máis significativas. A primeira cruza o Umia e une a Ferrería co centro da vila; con cinco arcos, é a máis grande das tres construccións, pero sen embargo ten moi desfigurada a súa forma romana, xa que sufriu diversas modificacións ó longo do tempo. A segunda ponte foi feita para salvar o Bermaña e une o centro co barrio de San Roque; ten tres arcos de medio punto, petril de pedra e uns entrantes para que os viandantes puideran protexerse dos vehículos, ademais de conservar restos do pavimento antigo. E a terceira atoparédela a dous quilómetros río Umia arriba, en Segade; é unha ponte dun só arco, que vos impresionará pola súa altura, tamén con petril de pedra e restos da calzada romana.

SÉ EPISCOPAL

Nos primeiros anos do cristianismo será erixida Sé Episcopal, o que a convertirá nunha das sociedades importantes da época. O topónimo manterase así mentres exista a Sé, pero posteriormente vai ser sustituído por "Caldas de Rex" e máis o seu plural "Caldas de Reis". O rei ó que fai referencia, como xa saberedes, é Alfonso Vll, fillo do Conde don Ramón e de dona Urraca, nacido no pazo con torre que os seus pais tiñan aquí, torre que foi derruída o século pasado e da que quedou a imaxe plasmada en fotografía.
A partir do século Xll, Caldas aparece incorporada ó Señorío dos arcebispos composteláns. A finais do século XVl deixa de ser poboación sometida á xurisdicción do Arcebispado de Santiago, e os veciños teñen que acadar mediante pagamento, o dereito a se gobernaren.
Máis adiante asentáronse nesta bisbarra numerosas familias fidalgas, das que conservamos como lembranzas algunhas casas con escudos.
Na bisbarra de Caldas abundan as igrexas románicas; as de Santa María de Caldas, Santo André de César, Santa María de Bemil e San Estebo de Saiar.

 

Advertencias legais



Este blog ten caracter únicamente educativo. Se algún dos contidos que hai nel ten dereitos de autor, rogamos que nos informen e será retirado de inmediato. Este blog non se responsabiliza dos contidos de calquera tipo servidos por terceiros, nin das opinións vertidas nesta páxina por terceiros.
Os datos e fotos que se publican ou enlazan teñen como única finalidade a de axudar, informar e educar aos alumnos e familias. Non constitúen fonte de acceso público e non poderán ser reproducidos nin en todo nin en parte, nin transmitidos nin rexistrados por ningún sistema de recuperación de información sen o consentimento expreso dos propios afectados.